·································································································································································

·································································································································································

A ruptura do pacto social

Cadernos da viaxe.
Adoitamos incorrer nun grave erro de xuizo: definir como simplemente capitalista o sistema económico-social europeo dende a II Guerra Mundial. E non o era. En realidade, misturaba elementos públicos e privados. Velaí a máxima do Congreso dos socialdemócratas alemáns en Bad Godesberg, no 1959: “tanta competencia como fór posíbel, tanta planificación como fose precisa”.Ou a definición do Curso de Economía Moderna do grande economista Samuelson: “o marco institucional define a actividade económica. Por exemplo, a sociedade decidiu que polo feito de non percebir rendas polas súas actividades un cidadán non ha pasar fame”.

En realidade, o sistema mixto, a economía social de mercado, estrutura un pacto social implícito. Os sindicatos e traballadores non cuestionarán a produción e distribución privada de bens e servizos nin o elemento inserido de crecemento económico desigual que leva no seu cerne se, en troques, o sector público garante a cohesión e inclusión social a medio de eficaces políticas de servizos públicos (educación obrigatoria e saúde gratuítas e de calidade, política redistributiva de rendas a prol dos máis febles e servizos sociais para que as persoas desfavorecidas eviten a súa exclusión social).

Pois ben, a loucura da austeridade, a transferencia das rendas públicas ao sector financeiro que xerou a crise e máis a falla de crecemento económico determinan a culpabilización do déficit público. Un déficit que compre usar de xeito racional e eficiente, mais que constitúe o núcleo esencial de calquera política dirixida a manter esa calidade prestacional dos servizos públicos e esa transferencia de rendas que definen de seu o noso sistema de economía social de mercado.

Os que tentan destruir este equilibrio entre público e privado son tan antisistémicos como os que pretenden a estatalización de toda a actividade económica. E debullarán un camiño que nos levará á definitiva detrución do pacto social e dos consensos que lexitiman a pax publica. Camiño que chegará,máis cedo ca tarde, aos escenarios que tentaron evitar os nosos abós despois do 1945: a exclusión social, a pobreza para a inmensa maioría, a desigualdade, Que nos levarán de seguro á violencia metastatizante e a guerra,en último de contas.

Xoán Antón Pérez-Lema

Advogado.
Colabora en varios medios galegos.

···························

···························

Os comentarios estan pechados

·································································································································································

·································································································································································

HISTÓRICO

···························

···························

SÍGUENOS

Síguenos no Facebook
Síguenos no Twitter

···························

···························

···························

···························

.

PUBLICIDADE

Iniciar sesión - 000111 | PubliZidade con Z