·································································································································································

·································································································································································

Erguer a voz.

Sabemos que aquela pouca democracia que temos está en perigo. Un sector dos que gobernan, os que gañan cando o país está en bancarrota, colléronlle medo á falta de consumo e á verdade, por iso téñennos amarrados á ameaza, aos recortes inhumanos. A nosa voz discrepante podería levantar os desfalcos, evidenciar corruptelas nas que moitos deles están metidos. É por iso que, esta escasa democracia que se viña abrindo camiño, corre perigo por non se fundamentar na transparencia, na liberdade e dignidade duns cantos. Facía falla “xogo limpo” e non houbo. Hai leis amparando trampas e trucando métodos. Xa non era democracia con palabras grandes, era un sucedáneo con falta de limpeza nas institucións e na sociedade mesma, con moitos silencios. Detrás da lei, a trampa! Para amparar ricos e pillos, amos, donos, amigos de, aos que evaden capitais, os que –en definitiva- quedaron excluídos de cumprir a Lei. Por iso tampouco acadamos a necesaria autoestima e nin sequera sabemos reaccionar diante da destrución do primeiro tecido social que tiñamos, para procurar igualdade e limitación das exclusións, contrarias á destrución dos elementos de cohesión social.

Pola contra, agora, viñéronnos co vello discurso da inculpación. Somos culpables -os que sufrimos o roubo- e, por riba, atácannos os valores e vínculos humanos que darían dignidade ás persoas. Estabamos, din, por riba das nosas posibilidades! E o que fixeron foi privatizar beneficios e nacionalizar perdas, manda truco! Pois non, non debemos apeitar con resignación nin aceptar a culpa que nos botan. Os culpables son eles! Volven meténdonos medo e o complexo de que non valemos, de que somos uns ninguén. Medo ás represalias, a pagar o desmedido crédito que nos deron, a perder o traballo, a dicir o que pensamos, a ser quen somos (a ver se desaparece todo sentimento de pertenza), a defender o xusto e a reclamar xustiza, mesmo medo ao medo. Así estamos paralizados, agardando que nos fagan facer o que –eles- queiran. Lévannos ao suicidio, á vergoña, á inmoralidade, ao pánico, ao senvivir. Xa sabedes: os tiranos poden así presentarse como refuxio desta enorme miseria. É hora xá de saber que cómpre erguer a voz, denunciar, facer, opoñerse, reclamar esa liberdade real que nos faga persoas, esa dignidade que se agocha na loita en irmandade. Si, é o mesmo discurso doutrora: loitar por principios básicos, polos dereitos. Non podemos deixarnos caer na apatía, no egoísmo, no irresponsable silencio, …seriamos cómplices co silencio e a aceptación da culpa. Non debemos transixir coa inxustiza, non podemos calar, debemos argumentar e razoar, sen quedar resignados mirando como nos levan todo. Non podemos desesperar ou rendernos. Temos que dicir en voz alta o que pensamos, exercer a palabra e os feitos, armarnos de valor. Poñer de manifesto a súa mentira e a nosa liberdade, esa democracia que aínda é un soño! Son, eles, os que aniquilan ás persoas e dividen as vontades, para someter ao seu cego poder, son eles, os que só gañán cando o país está na máis absoluta ruína, tiranos na necesidade máis absoluta. Gañan prometendo o que non cumpren e, logo, metendo medo. Nós, temos que volver a amarnos a nós mesmos e, desde
ese amor propio, chamarlle ás cousas polo nome. Isto non é unha crise: é, e foi, un saqueo; e o rapto da incipiente democracia. Temos que denunciar aos culpables e facer que a Lei os persiga ata que paguen, facéndoos pasar ao sumidoiro da historia polos seus delitos e estupro!

Tamén nos roubaron a vontade?

···························

···························

Os comentarios estan pechados

·································································································································································

·································································································································································

HISTÓRICO

···························

···························

SÍGUENOS

Síguenos no Facebook
Síguenos no Twitter

···························

···························

···························

···························

.

PUBLICIDADE

Iniciar sesión - 000111 | PubliZidade con Z