O Porriño | O San Campio 2, un novo terreo de xogo totalmente equipado e construído con materiais de última xeración é o que estrearon onte os xogadores do Club Deportivo Pontellas, de Rexional Preferente, nun partido amigable contra o Coruxo FC, de Segunda División B, tras o acto oficial de inauguración do mesmo no cal descubriuse unha placa conmemorativa. Un acto que estivo amenizado polo Grupo de Gaitas San Xurxo de Mosende e no que estiveron presentes o alcalde do Concello de Porriño Nelson Santos, o concelleiro de Deportes M. Alejandro Lorenzo e demais edís do equipo de Goberno local, xunto aos xogadores e á directiva do club, pais, amigos e veciños que non quixeron perderse este gran momento para o Pontellas que chega na tempada na que cumpre a súa 50 aniversario. Ademais, o evento tamén contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán e da deputada Marta Iglesias en representación da entidade colaboradora con este proxecto de iniciativa municipal.
O alcalde agradeceu a asistencia de todos os presentes e congratulouse de que Porriño teña un novo motivo para dicir que é o Concello do deporte, “un dos concellos de Galicia que máis inviste no fomento e na práctica deportiva, en axudas directas a clubs e deportistas, na organización e colaboración de eventos deportivos e na creación de novas instalacións e na mellora e o acondicionamento das xa existentes. E todo iso co obxectivo de incidir, sobre todo entre o sector máis novo da poboación, nos beneficios que achega o deporte, para a saúde e para o desenvolvemento como persoa”.
Neste caso en concreto, “a situación do terreo de xogo non era a adecuada para que os deportistas adestrasen e xogasen, a demanda dunha reforma integral como a que se fixo supuña unha antiga demanda do club e desde o Goberno local cremos oportuna atendela realizando unha gran mellora destas instalacións”, sinalaba Santos que subliñou o seu gran afecto polo club do que foi xogador aos 15 anos e do que a día de hoxe é socio de honra.
Alcalde e concelleiro destacaron o apoio do ente provincial na posta en marcha de proxectos como este, así como o labor de todos os operarios municipais que traballaron na posta a punto do campo. Tras o descubrimento da placa inaugural, o Concello e o CD Pontellas entregaron obsequios en sinal de recoñecemento ás diferentes personalidades e institucións e, finalmente, repartiron mochilas e balóns a todos os xogadores do club.
Terreo de xogo de última xeración
O proxecto, similar aos xa existentes en Atios e en Complexo Deportivo do Lourambal, supuxo un investimento de máis de 300.000 euros, a cargo do Concello e da Deputación, no que se incluíu a instalación de céspede artificial de monofilamento con tres nervios, facéndoo máis forte e máis duradeiro no tempo, debaixo do cal incorporouse unha base amortiguadora para unha maior confortabilidad. “Estamos ante un terreo de xogo de última xeración, un dos máis grandes da zona cunhas medidas de 105 metros de lonxitude por 66 metros de ancho”, explicaba Lorenzo. A instalación do céspede artificial complétase coa colocación da rega automática e tamén coa construción de novos vestiarios.
Aínda que onte pola tarde xogaron nel o equipo de Rexional Preferente, serán os outros dez equipos do CD Pontellas (prebenjamín, benjamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil A, xuvenil B, 2ª Autonómica, veteranos e feminino) os que utilicen o San Campio 2.









