Cadernos da viaxe
A punxente actualidade do resgate bancario e da cesión da soberanía á UE deixou nun segundo plano o insólito plan do Goberno do Estado para afortalar todas e cada unha das 47 Deputacións españolas de réxime común, que asumirían os servizos públicos dos concellos menores de 20.000 habitantes no suposto, xeralizado,de insuficiencia de recursos destes.
A opinión pública galega e mesmo parte da española era case unánime: suprimirmos as Deputacións e fusionar Concellos para organizarmos dacordo cun primeiro nível: o País, a Autonomía e un segundo nível, que en Galicia habería estruturarse nuns 40 a 60 concellos que fosen poboacional, territorial, administrativa e financeiramente viábeis para prestar os servizos públicos e artellar o urbanismo, os transportes e o territorio. Este modelo suprimiría as duplicidades no ámbito local e constituiría unha boa ferramenta para aforrar custos e fomentar o crecemento económico.
Qué sentido ten este Plan Rajoy para potenciar as Deputacións?
Cara aos concellos, paralisa as súas fusións para homoxeneizar a prestación dos seus servizos dende a capital provincial. As Deputacións garantirían un mesmo nível de xestión e prestación de servizos en todo o Estado, o que impediría calquera políticas locais de mellora ou priorización de determinados servizos. Unificaríase,por exemplo, a xestión dos servizos sociais, dacordo con criterios provinciais e estatais.
E cara ás Comunidades Autónomas potenciaría o elemento provincial como contrapeso do autonómico para, progresivamente e baixo pretexto das necesidades de aforro administrativo, reducir ás Administracións autonómicas a Mancomunidades de Deputacións, na práctica, tirándolles a súa autonomía política.
Un Plan agresivo para o autogoberno galego, mais tamén para a a autonomía local e para a calidade dos servizos públicos. Agora sabemos porque Feijóo estivo inactivo canto á reforma local durante estes tres anos longos de lexislatura.
A arrincadeira: O Supremo dálle a razón a Obama.
O Tribunal Supremo USA declarou constitucional a reforma sanitaria de Obama que xeralizou o seguro médico. De calquera xeito, a catro meses das eleccións, Romney empátalle nas enquisas. Obama precisa do crecemento económico até novembro. E Europa xoga aí un rol fulcral.









