Por segunda vez este ano sobe o prezo do gas e a luz, as xustificacións do Ministro de Industria sobre conxelación de peaxes, poxas en “o mercado libre” da enerxía, etc., soan a escusas de mal pagador, porque o certo é que para a enerxía, de calquera tipo, nunca existiu nin existirá ningunha liberdade de mercado, en ningún ámbito, nin español, nin europeo, nin mundial, e todos os prezos ao consumidor, en todos os países son froito de decisións políticas. Sendo estas decisións dadas polo maior ou menor acerto dos gobernos no control de, ou a complicidade con, os operadores do sector, moitos deles multinacionais tan poderosos como os estados.
Na electricidade española prodúcese un paradoxo, mediante o invento polo goberno Aznar do “déficit de tarifa”, invento que inexplicablemente o goberno Zapatero non se atreveu a desmontar, as compañía eléctricas declaran, simultaneamente, un déficit duns 4500 millóns anuais de €, e uns beneficios para os seus accionistas duns 9000 millóns, tamén anuais.
Simplificando, a tarifa calcúlase sobre os custos reais para remunerar as fontes primarias caras e aplícase o prezo “de mercado” ás baratas. Para entendernos a solar ou o carbón nacional son caros, logo prímanse e xeran déficit, déficit que as compañías eléctricas anotan como débeda garantida que cobrarán no futuro, mentres que actualmente a nuclear e a hidroeléctrica son moi, pero que moi, baratas, xa que os investimentos están xa amortizadas, e no canto de repercutir no mix o aforro derivado, ás compañías remunéranselles a prezo final de mercado.
Ademais hanse malinterpretado algunhas directrices da UE e xerouse un subsector intermediario comerciante polo miúdo, absolutamente prescindible, e absolutamente manexado polos grandes operadores, que xera un sobre custo da orde do 10% que se deriva directamente ao accionista privado, sen achegar ao consumidor final un servizo apreciable, salvo o do cobro de facturas.
Respecto ao gas, mentres foi substancialmente comercio de estado máis servizo público, os prezos resultaron atractivos e a súa implantación, tanto para o consumo doméstico como para os grandes consumidores, foi rápida, unha vez superada esa fase o mercado veu a pór as cousas no seu sitio natural, en beneficio das compañías que operan en réxime de case-monopolio, nin sequera pode cualificarse de oligopolio dado o seu escaso número e diferenza de tamaños.
Aquí vén ben un exemplo recente, da veciña Francia, onde o goberno mantén o 36% da principal compañía (GDF), o novo presidente de goberno, M. Ayrault, acaba de comunicar que: ?”Il n’est pas uestion d’augmenter le prix du gaz plus que l’inflation”, é dicir os consumidores franceses «sufrirán» un aumento que será a quinta parte do dos españois.









