·································································································································································

·································································································································································

Xa che instálaron o güindows 2.0?

Neste estado de aconteceres e con esta xente no desgoberno do noso, pouco espazo queda para a ilusión. Roubáronnos tanto, durante tanto tempo, sen que ninguén fixese nada, roubáronnos tanto repito, que nin eles son conscientes do dano que nos fixeron, do que teñen amoreado co abuso e do moito que nos privaron aos demais e nos deben. O peor é que ninguén trata de pedirlles contas. Moitos saben pero non contestan. Desde esta xustiza que nin quixo nin quere intervir. Si, este pais sería o máis rico do mundo, non hai dúbida, a proba está que deu tanto a tantos usurpadores e xa desde a noite dos tempos.

Roubáronnos tanto que, se o pensamos, non nos cabe na cabeza. E aínda así, aquí estamos, mirando como nos toman o pelo unha vez máis, e como se cargan a sanidade e o ensino, e con elas outros logros sociais e mesmo ansias persoais e anceios, desterrándonos a un mundo gris, levado en desgoberno pola tiranía das bolsas e polos intereses financeiros dos bancarios que só propoñen recortes e privacións, ameazas, medos e descontento e, por suposto, colocar aos seus amigos para “resolver” a situación por eles creada. Cos seus lacaios serán os que conten a historia e dirán o que lles pareza, mesmo para quedaren ben detrás da total ruína. Prometen, menten, xestionan mal, non comprenden o do ben común, abondan no desastre e chegan á inmoralidade de nacionalizar perdas despois de teren permitido as fugas dos beneficios. Quen se fía deles? Os de sempre, os que se deixan levar das súas continuas fantochadas. E, neste estado de cousas, eu volvo proclamar que non chega co desgusto, coa indignación. Nin con observar como nos fixeron a xogada que, por certo, xa se vía vir. Foron catro décadas de ditadura seguidas dunha suposta transición que derivaría nunha, tamén suposta, democracia. Mentira tras mentira: vese no devalo do tempo. Mentira tras mentira, prometen en falso para facer, despois, o contrario. Logo, pasados os anos, temos diante a trampa, con toda claridade, son os de sempre, traidores e especuladores. Son os que eran, herdeiros do mesmo sistema, chamado eufemisticamente con outras doces verbas. Viñeron coa tiranía e imposición, coas forzas dominantes que nunca deixan espazo á soberanía popular e que no medio do desespero pretenden aceptemos calquera proposta que fagan, mesmo aquelas máis descabezadas.

Aquela democracia soñada, que nunca foi, vai desvirtuándose tanto que agora é unha aparencia infeliz de desastres, de amiguismos, de poderes económicos que gobernan todo, os políticos que obedecen e calan, organismos e corporacións resignados que lexitiman a perversa corrupción e a fraude, a aplicación inxusta de leis —xeradas desde unha xustiza, tamén adulterada, pois consinte o enriquecemento e desequilibrio social no que uns poucos viven a costa dos demais e, por riba, rouban amparados polas leis que previamente impuxeron— evitando dar contas das irregularidades nas que nos meteron.

Fano, contando cos privilexios da súa lei egocéntrica, das súas fraudes, de todas as forzas que se confabulan, implicadas como unha familia de narcos e, aos que se suma unha familia real decadente e unha igrexa vetusta e intransixente que calando, colapsa o entendemento da xente de ben. Agora é cando se lles pode ver o plumeiro a todos. Cómpre aprender e actuar, non vale con quedar cos brazos cruzados.

Temos que recuperar, porque é nosa, a esperanza de sermos quen somos, a de vivir nun país cada vez máis xusto e libre, capaz para asumir un futuro prometedor e feliz.

Baldomero Iglesias – Mero

Mestre e músico.

···························

···························

1 Comentario para “Xa che instálaron o güindows 2.0?”

  1. [...] Baldomero Iglesias, "Mero": Xa che instálaron o güindows 2.0? http://www.apeneiradixital.com/xa-che-instalaron-o-guindows-2-0/  por raxozorza hai 2 segundos [...]

Os comentarios estan pechados

·································································································································································

·································································································································································

HISTÓRICO

···························

···························

SÍGUENOS

Síguenos no Facebook
Síguenos no Twitter

···························

···························

···························

···························

.

PUBLICIDADE

Iniciar sesión - 000111 | PubliZidade con Z